Catro libros de Galaxia e o proxecto GALAXIA TALES entre os finalistas dos Premios da Edición

Categoría: Nova

O vindeiro 15 de Marzo a cidade de Vigo acollerá a VIII Noite da Edición 2012, que se celebrará no restaurante Mar de Vigo. Os Premios da Edición, convocados pola Asociación Galega de Editores, pretenden recoñecer e distinguir a excelencia do traballo editorial realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2012 en Galicia.
As distincións, sen dotación económica, distribúense en dez categorías diferenciadas, que premiarán distintos aspectos da produción literaria.
As candidaturas foron presentadas polos membros asociados da AGE, ata un máximo de tres por categoría, tralo que pasaron unha primeira fase de votación realizada polos socios, na que deberon votar a un máximo de dúas obras por categoría agás as obras editadas por eles.
As obras finalistas están xa na fase do Xurado, composto por cinco profesionais do ámbito do libro e os medios. O fallo será dado a coñecer na mesma velada de entrega, o 15 de Marzo en Vigo.
Catro libros de Galaxia, e o proxecto Galaxia Tales, foron recoñecidos como merecentes de figurar entre os finalistas aos distintos galardóns. Os libros son, para o PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE FICCIÓN 2012, 'Morgana en Esmelle' de Begoña Caamaño; para o PREMIO LOIS TOBÍO Á TRADUCIÓN NO ANO 2012, 'Diario de inverno' en tradución de Eva Almazán; para o PREMIO NEIRA VILAS AO MELLOR LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2012, 'A verdadeira historia da mosca da tele' de María Solar, e 'María Fumaça'; e para o PREMIO ROSALÍA DE CASTRO Á INICIATIVA EDITORIAL DO ANO 2012, o proxecto de contos interactivos en rede Galaxia Tales.

Compartir na redes sociais: