Hoxe ás 20 horas na librería Couceiro de Santiago, o libreiro galego e editor establecido en Montevideo, Manuel Losa, presentará o seu libro "Catro historias de emigrantes". No acto estará acompañado por Pilar Cagiao e Víctor F. Freixanes.
Previamente, ás 12 horas, celebrarase unha rolda de prensa no salón de actos do Consello da Cultura Galega para presentar aos medios esta importante obra. Manuel Losa Rocha (Santiago de Compostela, 1940) emigrou coa súa familia a Montevideo, Uruguai, en 1953. Libreiro e editor, é socio fundador do Patronato da Cultura Galega e foi integrante do consello directivo do Centro Gallego de Montevideo e do consello directivo da Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai. É autor dos libros "Relato dun emigrante… de Santiago de Compostela a Montevideo", "O vendedor de libros" e "Don Xesús Canabal Fuentes. Fillo predilecto de O Pino".
Nesta obra, o autor fálanos desa outra Galicia que existe fóra de Galicia… Sempre existiu… Manuel Losa, emigrante el mesmo, conta en "Catro historias de emigrantes" como se xestou esa comunidade de galegos no exterior. A través das biografías de catro homes, o autor relata unha parte substancial desa epopea, do destino dos galegos que tiveron que procurar un país de adopción na América do Sur. Velaquí a historia de Antón Crestar Faraldo, Xosé Lage Sierra "Pepe Montoya", Eduardo Martínez Filgueira "O Cañotas" e Isidoro Manuel García García.
O gran coñecedor do mundo do libro que é Manuel Losa achéganos unha obra sobre a vida de catro galegos na diáspora, distintos entre si pero que teñen unha raíz común. Dous deles, Crestar e Montoya, cunha vinculación moi importante cos centros culturais da súa época. Crestar, actuando ademais en forma destacada no aspecto político. Os outros dous, Martínez e García, emigrantes cunha vida que xirou en torno ao mundo laboral.
Dúas das historias contadas nestas páxinas, as de Isidoro García e Eduardo Martínez, desenvólvense a partir da década de 1950. Pola súa banda, as outras dúas, as de Antón Crestar e José Lage, son de época anterior, o primeiro vinculado co galeguismo, tivo estreita relación con Castelao, Suárez Picallo, Xesús Canabal, Manuel Meilán, Lois Tobío, Alfredo Somoza e outros destacados galeguistas e republicanos, e propiciou unha actividade intensa e de grande relevancia en tempos da Guerra Civil e a posguerra. Participando tamén, de forma sobranceira, na vida artística, parte do libro céntrase na historia do bailarín Xosé Lage, coñecido polo seu nome artístico, Pepe Montoya.