A casa da avoa: as engurras nos versos de Marta Dacosta

Categoría: Nova

A casa da avoa, o último libro de Marta Dacosta publicado na colección Dombate, chegaba o pasado mes de marzo ás librarías e xa fixo un oco nos andeis de lectores e críticos, sendo un dos favoritos na Tabela dos libros do blog Criticalia. A esta boa nova súmanse agora as lecturas de Ramón Rozas e Manrique Fernández.
Ramón Rozas publicaba unha crítica nos xornais Diario de Pontevedra e Galiciaé na que destacaba que “os poemas de Marta Dacosta son todos eles compromisos co seu eu, con esa parte que todos nós temos aloxada na memoria e ata na alma, xurdida das entrañas que son as que lle outorgan a tinta precisa á poeta para escribir estas poesías de fondo alento, inzadas de emoción e respecto cara unha figura, a da avoa que, como un gran piar, suxeita todo o universo familiar”. E concluía coa imaxe de que “é tempo de destecer e María Dacosta escolle o verso como ferramenta, tamén como diagnose duns tempos nos que cada vez temos menos referentes, menos ancoraxes a un pasado convertido en engurras que é onde á fin e ao cabo se vai sedimentando a sinceridade e o sentimento. As dúas ferramentas que ten a memoria para converter esas engurras en desfiladeiro que atravesar ou, desta volta, en verso que debullar”.
Pola súa banda, Manrique Fernández escribía no seu blog persoal: “palabras que se perden entre as engurras das mans, entre as engurras do tempo e da memoria. Palabras sempre cheas de forza, que nos axitan algo por dentro mentres nos achegamos a comprender o universo que a poeta nos propón; mentres nos achegamos a comprendernos a nós mesmos tirando do fío da memoria común”.
Se aínda non o lestes, correde a mercalo e comezade a destecer.
 

Compartir na redes sociais: