Besa Bia, Besa Bel, recoñecido polo IBBY

Categoría: Opinión




Admiro, desde hai ben de anos, a obra literaria de Ana María Machado. Todo partiu desde unha conversa que mantivera en Compostela coa profesora Pilar Vázquez Cuesta, de quen me honrei en ser alumno seu porque abriu sempre, con xenerosidade, as portas ao coñecemento de moitas autoras e autores en lingua portuguesa. Falando da literatura do Brasil destacara este nome e cheguei á súa obra case sempre en edicións orixinais en portugués que me deslumbraron pola forza narrativa que atesouraban, pola versatilidade que exhibía e porque nos seus libros se trasmitía sempre moita paixón e, talvez, matices e unha ollada distinta á doutras voces que coñecía.

Cando, desde a Editorial Galaxia, me propuxeron acometer a tradución de Besa Bia, Besa Bel –libro galardoado amplamente e que xa formou parte da Lista de Honra do IBBY en 1982- entendino como unha responsabilidade. Ben me gustaría que ese libro fose, entre nós, lido e popularizado na súa versión orixinal pero a realidade apunta a cousas distintas. Deste xeito confío en que esta versión, e a fortuna coa que contou ao ser incorporada na modalidade de tradución na devandita lista- poida contribuír a popularizar entre nós a obra dunha escritora tan próxima.

Besa Bia, Besa Bel é un libro extraordinario, deses que fican na memoria para sempre e que se constrúe coas sutilezas e recursos que só pode ofrecer unha ourive da palabra como Ana María Machado. Convido a coñecelo.

Compartir na redes sociais: