Berta Dávila, premio de Narrativa Breve Repsol

Categoría: Nova

Onte coñeceuse a identidade da gañadora desta nova edición do premio de Narrativa Breve Repsol, na súa sétima edición e que conta co patrocinio da Fundación Repsol e a Xunta de Galicia e que publicará a nosa editorial. Berta Dávila, a xove poeta e narradora, resultou merecente do premio coa obra 'O derradeiro libro de Emma Olsen'.
A Editorial Galaxia entrou en contacto con ela nada máis coñecerse o premio. A autora declarou sentirse "moi sorprendida e moi agradecida e moi emocionada. Non o esperaba en absoluto". Sobre o seu proxecto, comentounos que era algo "case segredo pois non lle falei del a case que ninguén".
Coméntanos que é unha novela "sobre os límites e sobre estar no medio da nada". A acción, segundo narra Berta Dávila "acontece nunha vila que está a 300 quilómetros de calquera outro mundo civilizado, e céntrase nunha escritora que volve á súa vila natal para contar e poñer por escrito unha historia que nunca se atrevera a contar, de aí o título".
En breve teremos o libro nas tendas de todo o país. Berta Dávila sacará tamén axiña, na nosa colección xuvenil Costa Oeste, a novela "Quen matou a Covadonga Balboa?".
Da súa obra anterior sobrancean libros de poemas como 'Corpo baleiro' e, no eido da narrativa 'Bailarei sobre a túa tumba' (Premio Biblos de novela, 2008) e o libro de relatos A arte do fracaso.
Recibiu o Premio Johán Carballeira de poesía en 2012 por "Raíz da fenda"-
Colabora na sección de opinión do Xornal Sermos Galiza e ten una bitácora na rede "Confabulario novo".

Compartir na redes sociais: