Hai xa unhas semanas, no Sermos Galiza, Berta Dávila, autora de A pel do mundo, falaba sobre o seu último poemario para o público infantil publicado por Galaxia.
Sobre este libro de poesía ilustrado por Alba Cid, a autora explicaba: “A única razón válida para facer case calquera cousa é por amor. Para escribir un libro tamén. Sobre todo para iso. O traballo da escrita é profundamente satisfactorio, pero tamén moi introspectivo e doadamente solitario”.
Composto por 29 poemas con historias pensadas para viaxar polo mundo, Dávila recalcaba que “este é o primeiro libro que chega as mans lectoras despois dalgúns anos dos que non sei como falar. Sinto o meu traballo literario durante este tempo como unha especie de ovo que ten que romper por si mesmo. Dentro del, debaixo da casca, hai moitas horas, bastantes verdades e algúns tesouros que queren nacer como libros. O único que sei de certo sobre eles é que os escribín por amor. Agardo que, co mesmo amor, alguén os recolla”.
Podes descargar o artigo completo aquí.