Berrogüetto, galardoado na categoría de Música nos Premios da Crítica Galicia

Categoría: Nova

Hai uns meses, Berrogüetto despedía a súa carreira (recollida á perfección no libro de Fernando Neira, 'Berrogüetto, o pulso da terra') cunha xira de concertos polas cidades galegas. En todos e cada un deles, a banda de folk puido sentir como o público, ademais de entregarse, lle declaraba a súa admiración. En todos e cada un dos concertos foron recibidos coa audiencia posta en pé aplaudindo durante longos minutos antes de que empezase a música. O de Vigo, no pasado mes de xullo, pasará á historia como un dos mellores concertos de folk de toda a historia de Galicia. Dende daquela, as homenaxes siguen e os recoñecementos continúan. O penúltimo (porque estamos certos de que virán moitos máis) este sábado ao recibir, na categoría de Música, o Premio da Critica Galicia nun acto celebrado no Hotel Pazo Los Escudos de Vigo.
Anxo Pintos e Quico Comesaña subiron a recoller este novo recoñecemento que foi correspondido cunha ovación que foi agradecemento, admiración e débeda impagable para sempre.

Compartir na redes sociais: