Hoxe, ás 20 horas, na librería Couceiro de Santiago de Compostela, John Thompson, profesor da Universidade do Estado de Montana, presenta o ensaio "As novelas da memoria", acompañado por Carlos Lema e Antón Figueroa.
Nesta obra, que Galaxia publica na colección Ensaio e que leva por subtítulo "Trauma e representación da historia na Galiza contemporánea", o profesor Thompson mostra como a través das novelas pódese experimentar a forza da memoria como elemento transformador da sociedade actual. Ao mesmo tempo, e co obxectivo de propor novos vieiros de pensamento para achegarse á historia e á memoria da Segunda República, da Guerra Civil e da ditadura, en "As novelas da memoria" analízase a representación literaria deses acontecementos en relación coas falacias franquista que aínda perduran.
Memoria e trauma emerxen así na sociedade e na ficción narrativa como pegadas espectrais xunto á problemática verbo da representación e a transmisión da Historia, o imaxinario da nación galega ou a presenza das mulleres no relato novelesco.