Presentados e moderados polo profesor Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, participaron na mesa redonda o investigador Uxío Labarta, o director dos museos científicos da cidade da Coruña, Xosé Antón Fraga, e o profesor de ensino medio, Daniel Soutullo. Tratábase de abordar, dende distintas perspectivas, a situación actual da cultura científica na sociedade galega, empezando por preguntarse que entendemos exactamente por cultura científica e en que medida esta inflúe no desenvolvemento da Galicia de arestora.
O debate centrouse en dúas orientacións: na aportación que a investigación aplicada ten no desenvolvemento da sociedade galega, e o tratamento que o coñecemento e a información científica ten nos programas de estudo pre-universitarios.
Sobre a primeira cuestión posicionáronse de distinta maneira o moderador e o profesor Uxío Labarta, aínda coincidindo na necesidade de centrar esta liña de traballo para o desenvolvemento do país. Respecto do segundo aspecto o profesor Daniel Soutullo fixo unha exposición crítica sobre a marxinación progresiva que dun tempo a esta parte veñen recibindo os contados científicos nos programas de ensino.
O luns 10 de novembro se celebra a próxima actividade, dedicada a "O audiovisual galego. Novas linguaxes para a cultura". Contará coas intervencións de Pepe Coira, Manolo Gómez, Margarita Ledo e Antón Reixa, moderados por Miguel Anxo Fernández. Terá lugar tamén a proxección da película O espírito do bosque.