O pasado 28 de febreiro, na sala de actos da facultade de Filoloxía, en Santiago de Compostela, Armando Requeixo defendeu cos máximos honores a súa tese de doutoramento sobre Xosé María Diaz Castro, o autor de "Nimbos", a quen este ano a RAG dedicou o Día das Letras Galegas.
Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, presidiu tamén o tribunal que valorou a tese, no que participaron tamén os profesores Arcadio Lopez Casanova da universidade de Valencia, Xosé María Dobarro da universidade da Coruña, Aurora López da universidade de Granada e Xosé Manuel Salgado, da USC, que actuou como secretario.
O traballo do profesor Armando Requeixo valora a obra de Díaz Castro no seu contexto histórico e a súa significación dentro da poesía galega contemporánea, na que "Nimbos" ocupa un lugar sobranceiro. Requeixo que preparou para Editorial Galaxia "Vida e obra de Díaz Castro" (Letras Galegas), publicará en breve na nosa editorial a "Poesía Galega Completa" do autor, o que o converte en principal especialista na obra do poeta de Guitiriz.
No noso blogue deixamos unha galería fotográfica, da autoría de Xabier Lama que reflicte varios intres da xornada.