Esta fin de semana, como todas as fins de semana dende hai meses, seguiu desenvolvéndose o Programa de Dinamización Lingüística "FalaRedes", e na que unha produción de Merlín Comunicación, do Grupo Editorial Galaxia, en colaboración con Adarme Visual, está a ter un protagonismo moi especial.
A obra 'O señor das dunas', destinada ao público xeral, fixo as delicias de grandes e pequenos na localidade coruñesa de Aranga. "O Señor das dunas" conta a historia dun vello náufrago que, segundo conta a lenda, aprendeu a debuxar sobre as dunas de Corrubedo as súas historias.
Desta volta presentouse ante o auditorio como un contacontos que envolveu o público durante os 50 minutos de actuación. Ademais, o seu pupilo ilustrou con area todas as pasaxes que rememoraba o narrador ao mesmo tempo que o ía contando. Esta moderna técnica seguiuse en tempo real proxectada nunha pantalla que, xunto coa música e as historiais orais, cativou o público da localidade. Ao remate, cada asistente recibiu como agasallo un libro de recordo do espectáculo, que contén os Cinco Contos Galegos e mais os debuxos con area.