Anxos Sumai publicará en Galaxia unha segunda entrega dos seus diarios en Internet

Categoría: Nova

A escritora Anxos Sumai prepara Melodía de días usados, a segunda entrega impresa do seu diario na rede. A autora editara xa Anxos da garda, que gañou o Premio da Crítica e acadou unha segunda edición, no que se recollía a crónica de sete meses do 2003 na súa vida, que fora publicando na web do Consello da Cultura Galega e que eran seguidos diariamente por medio milleiro de internautas.
Editorial Galaxia tirará desta volta os comentarios que escribiu entre abril de 2003 e xullo de 2004. Sumai fala neles "de sentimentos e emocións; da dor, a tristeza e a ledicia; da enfermidade e do desamor; o que me importa é que a xente sinta".
Este segundo volume será máis extenso có anterior e tamén máis peneirado, "porque traballei algo o estilo e eliminei chistes ou referencias que eran do momento e agora non se entederían, conversas con lectores que non se comprenderían", comenta Anxos Sumai, quen afirma será "máis reflexivo co anterior".
Ese ton máis pousado vén "de que me interesa demostrar que podía escribir doutro xeito que como o fago na rede, que é máis inmediato" ese cambio pode atoparse, por exemplo, en que "hai imaxes que quería contar mellor, pois en Internet trataba de ser máis visual e aterme ao formato diario, que era o espazo que ocupa unha pantalla, para o que debía depurar".
Entremesturados nos problemas ou nas sorpresas persoais ou laborais de Anxos Sumai, apareceron personaxes. A escritora confesa que "non todos son reais; algúns como o veciño do balcón do lado, inventeinos para poder contar cousas que eu non me atrevía a contar".
A súa intención para este novo libro é a de ofrecer un índice para evolucións dos personaxes en diferentes páxinas. Algúns deles e mesmo os lectores achegáronlle regalos regalos e comentarios. Apunta que "quitei un haiku dun libro e atribuínllo a Baso, iso provocou que me corrixise o autor do prólogo".
O remate do 2004 trouxo canda si o remate do diario, "porque era unha tiranía que me obrigaba a escribbir decotío e eu son moi esixente.

El progreso
12 marzo 2005

Compartir na redes sociais: