Antón Seoane presentou DE VOCES CEIBES A MILLADOIRO en Vigo

Categoría: Nova

Se hai uns anos era Antón Seoane quen presentaba o libro 'Berrogüetto. O pulso da terra' abeirando a Anxo Pintos, un dos músicos da mítica formación de folk galego, o pasado mércores, no Café 'De catro a catro' de Vigo invertíronse os roles pois foi Anxo Pintos quen, acompañado do editor do libro-disco (coeditado con Pai Música) Francisco Castro, presentaba o do seu colega e fundador de Milladoiro, Antón Seoane.
O café foise enchendo para escoitar as reflexións de Pintos quen asegurou que nada do folk galego existiría sen o traballo previo de Milladoiro. En xeito de entrevista, Anxo Pintos foi amosando o seu asombro diante dos distintos logros conseguidos por Seoane, Romaní e Pilocha cando todo estaba aínda por inventar.
Antón Seoane explicou que non se trataba o seu dun libro histórico senón dun libro de vivencias no que quixo deixar fe dunha realidade que el viviu e que merece ser contada.
A xornada rematou co autor asinando exemplares do seu libro-disco diante dun público que, en moitos casos, tiña memoria moi viva dos acontecementos narrados no libro.
No noso blogue deixamos unha pequena galería da xornada.

Compartir na redes sociais: