Este sábado, e nunha gala á que asistiron arredor de 400 persoas, celebrouse a entrega de premios da Fundación Premios da Crítica. Na modalidade de creación literaria, a obra 'Estremas' de Ana Romaní, foi distinguida como a mellor do ano 2010.
Para a escritora e periodista o Premio da Crítica supuxo «unha sorpresa» e explicou que o entendía como un recoñecemento para «todas e todos aqueles que traballaron para que haxa un outro horizonte nesta lingua». Romaní lembrou a necesidade da «liberdade, irreverencia e ousadía» e na súa reivindicación explicou que, se «nada nos protexe, todo nos reclama».
Este novo galardón converte a 'Estremas' nun dos libros de poesía máis galardoados de todos os tempos da lírica galega, pois tamén foi merecente de Premio da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega 2011 ao mellor libro de poesía, o Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía 2010 nos Premios da Edición da Asociación Galega de Editores, así como Mellor Libro de Poesía 2010 para os lectores da web Fervenzas Literarias.