Alfredo Conde recibe o premio Civilta delle Minorance

Categoría: Nova

Non é a primeira vez que Alfredo Conde obtén un premio literario en Italia. En 1990 a súa novela Xa vai o griffón no vento recibiu o Premio Cavour á mellor novela estranxeira, convocado pola Fundación Grinzane Cavour, unha das partes que creou agora o galardón de apoio ás minorías (Civilta delle Minorance) xunto coa Fundación Cassa de Risparmio e a Regione Piamonte.

O premio entregarase os días 22 e 23 de novembro en Ostana, na provincia de Torino. Trátase da primeira edición do mesmo. A idea dos organizadores é recoñecer anualmente a aportación de escritores e escritoras en linguas como a galega. O feito de que sexa precisamente o galego, entre as outras linguas europeas, o idioma de creación elexido valórase moi positivamente.

Editorial Galaxia publicou recentemente María das Batallas (2007), novela centrada na figura histórica de María Pita e o cerco da Coruña por sir Francis Drake, que vai xa pola segunda edición en galego e está a ser traducida a outras linguas.

Alfredo Conde (Allariz, 1945) é un dos narradores galegos máis coñecidos polo público lector. Coa súa novela Xa vai o griffón no vento obtivo o Premio Nacional de Literatura no ano 1984, primeira vez que ese galardón se lle outorgou a un autor galego; con esa mesma obra tamén gañou o Premio Blanco Amor e o Premio da Crítica española. Como narrador é así mesmo autor de libros de relatos, entre eles Mementos de vivos (1974) e Música sacra (1989), e de novelas como Breixo (Premios da crítica galega e española, 1981), Memoria de Noa (Premio Chitón, 1982), O fácil que é matar, Azul cobalto e Romasanta. Con Los otros días, escrita en castelán, recibiu o Premio Nadal no ano 1991. No ano 2006 publicou en Galaxia unha nova novela co título de Lukumí e en 2007 María das Batallas.

Compartir na redes sociais: