No Día Internacional de Sensibilización sobre o Albinismo, Camiños na auga

Categoría: Nova

No Día Internacional de Sensibilización sobre o Albinismo non está de máis a lectura da última novela de Manuel Núñez Singala, Camiños na auga. O protagonista, Szymo, queda descrito pola letra dunha canción que el mesmo escoita por casualidade e na que se acaba por recoñecer:

“Son un negro / a miña pel é branca / e iso gústame / é a diferenza o que é bonito. / Son un branco / o meu sangue é negro / e iso encántame / é a diferenza o que é bonito. / Gustaríame / que nos entendésemos no amor / que nos comprendésemos no amor e na paz. / A vida será fermosa / cadaquén poderá ter o seu amor / a vida será fermosa”.
Todos somos diferentes ou todos somos iguais? Esa é a pregunta sobre a que se artella unha historia que intenta reformular a ficción da “diferenza” contrapoñéndoa á igualdade proclamada nos inicios da Idade Moderna pola Ilustración e a Revolución Francesa (a Europa actual). Núñez Singala escribe unha novela de iniciación situada na África poscolonial: a peripecia do protagonista, que busca a liberdade e o fai a través dunha viaxe iniciática, é o motivo que se desenvolve e mediante o cal o autor expón unha versión posmoderna da subxectividade, exemplificándoa nun caso de ambigüidade extrema, o dun individuo —Szymo— cuxa identidade contradí as súas características físicas.
Dese xeito, a literatura acaba por ser reforzo nada banal dunha das cuestións centrais da posmodernidade, a da produción de subxectividade como estratexia de reformulación da sociedade civil. De aí a pertinencia narrativa de situar esa reformulación nun contexto poscolonial, contexto no que claramente se está a resolver un conflito identitario semellante ao do suxeito posmoderno mais no nivel da organización política, é dicir, no nivel das nacións como discurso da diferenza.
Compartir na redes sociais: