Hoxe fallouse na Estrada o Premio de Novela Manuel Garcia Barros. A obra gañadora, da autoría de Alberto Ramos, será publicada pola Editorial Galaxia.
O título da obra gañadora é "MÁSCARAS ROTAS PARA SEBASTIAN NELL" e publicarémola na nosa editorial no vindeiro mes de outubro.
O xurado estivo composto por Inma Otero Varela, Carlosá Lema, Armando Requeixo, Luis Alonso Girgado e Carlos Loureiro Rodríguez, que actuou como secretario.
En opinión do xurado, estamos diante dunha obra de grande orixinalidade estrutural e densidade humana que resulta da caracterización do seuprotagonista.
Salientou , así mesmo, a capacidade para xunguir distintos tipos de escritaque conxugan o narrativo co xénero da entrevista. Baixo esta fórmula, introdúcesenos nunha poderosa historia protagonizada por un actor inglés nas súas derradeiras horas que lembra os seus días, cheos de luces e sombras,
diante dunha xornalista coa que mantén unha longa interview. Polo camiño vai aboiando todo un mundo de miserias persoais e profesionais, de envexas e iras que tracexan un retrato intenso e non sempre agradecido do difícil universo do teatro e o espectáculo británico.
O AUTOR
Santiago, 1986. Licenciouse en Xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela. Dende o ano 2009 traballou na sección de Cultura de Xornal de Galicia até o peche da cabeceira. Actualmente, traballa de freelance para medios como Praza Pública ou Sermos Galiza. Combina o traballo de xornalista coa súa faceta literaria. No ano 2006 gañou o Premio Biblos Pazos de Galicia coa novela Dor Pantasma (Biblos, 2006). Tres anos despois fíxose co Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia coa obra Con acuse de recibo (Biblos, 2010). En 2012, acadou o Vicente Risco de Creación Literaria coa novela Todos os días (Sotelo Blanco, 2013).