O derradeiro trimestre do ano vai vir protagonizado por un mollo interesante de novidades literarias destinadas a todos os chanzos de idades.
Entre outras, presentaremos novidades de autores consagrados das nosas letras como Agustín Fernández Paz, Xabier López López ou Santiago Lopo.
'Zeralda e o dragón' é o título que Agustín Fernández Paz asina con Fran Jaraba, artista encargado de poñerlle imaxes a esta historia de princesas e dragóns que non porá en contacto co Agustín Fernández Paz máis fantasioso escribindo para o público infantil.
Na colección xuvenil, Xabier López López publicará, na colección Costa Oeste, 'Cando Artur non era rei'. Sabemos practicamente todo sobre o rei Artur, o mítico personaxe do que parecía que case que todo estaba contado. Nembargantes, faltaba por fabular todo o que houbo antes de que fose rei, e iso é o que nos conta esta novela destinada ao público xuvenil.
Finalmente, e na colección Literaria verá a luz o Premio García Barros deste ano, que recaeu en Santiago Lopo coa súa 'Hora Zulú', a confirmación do talento dun grande narrador que ten aínda moitas boas páxinas que nos regalar.
Haberá outras novidades interesantes das que iremos informando de vagar nos sucesivos días desta semana.