Un emocionado Agustín Fernández Paz recibía onte o Premio Trasalba recoñecendo que se sentía como un fillo da Xeración Nós, ao tempo que aclaraba que a obtención deste premio non podía explicarse sen a contribución doutros compañeiros e compañeiras, na meirande parte docentes, da súa propioa xeración que, con el, inventaron, como recordou o escritor e presidente de Gálix, Francisco Castro na súa Laudatio, a escola en galego. Esas foron unhas das primeiras palabras do escritor de Vilalba, un dos autores máis valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil de Galicia, no momento de recibir onte o Premio Trasalba 2014, que organiza anualmente a Fundación Otero Pedrayo, e que tivo lugar na Casa Museo no Concello de Amoeiro.
O seu discurso, converteuse nun acto reivindicativo, en favor da literatura en galego, así como de recoñecemento á figura de Otero Pedrayo, aspecto que tamén destacou o presidente da RAG e de Honra da Fundación, Xesús Alonso Montero.
No acto tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, o alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez, o presidente da Real Academia Galega e de Honra da Fundación, Xesús Alonso Montero -que presidiu o acto literario-, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o presidente da Fundación, Víctor F. Freixanes, a anterior galardonada, a gaiteira Cristina Pato, así como representantes do mundo da cultura galega.
Fernández Paz non evitou, no seu discurso, as referencias ás dificultades actuais da cultura e lingua galegas, ao tempo que avisaba de que "os ataques nos fan máis fortes". Revisou tamén os seus anos de aprendizaxe, o descubrimento do galego como lingua literaria…
Logo, no xantar posterior ao acto literario, os asistentes tiveron a ocasión de partillar verbas e un tempo fermoso de homenaxe ao redor dun dos nosos autores máis importantes de todos os tempos.