Aberta a exposición "Editar en galego baixo a censura franquista"

Categoría: Nova

No acto de inauguración participaron Luís Bará Torres, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Xesús López Carreira, Concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, Alfonso Zulueta de Haz, Vicepresidente da Fundación Penzol, e Xosé Manuel Dasilva, Comisario da exposición. Nas súas intervencións todos salientaron o papel nefasto que a censura franquista tivo sobre o noso sistema literario ao non permitir nin a libre difusión das obras ao mesmo tempo que atacaban os contidos. O público interesado poderá atopar na mostra algunhas das transcripcións dos informes dos censores sobre obras en galego daquel tempo. Léndoas, fica claro que en moitas das ocasións nin as entendían ou, directamente, desprezábanas polo feito de estar escritas na nosa lingua.

A mostra ben sendo unha viaxe por un dos momentos máis heroicos da historia da edición en galego. Na visita, o espectador é quen de comprender as dificultades dos autores e autoras e dos editores para construír unha literatura de noso nun intre no que o réxime franquista fiscalizaba todas e cada unha das palabras que saían do maxín dos nosos autores.

A exposición compleméntase cun acto o xoves 27 de novembro, ás 19.30 h. Ese día, o vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz, presentará o comisario da exposición, Xosé Manuel Dasilva, quen pronunciará unha conferencia co mesmo título que a mostra: Editar en galego baixo a censura franquista.

Compartir na redes sociais: