O Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela encheuse onte de estudantes e de personalidades do galeguismo e da cultura galega para lembrar A derradeira lección de Otero Pedrayo, un acontecemento histórico que forma parte da memoria colectiva da cultura e da lingua galega: o día no que o patriarca das letras empregou a lingua galega na Universidade, por primeira vez despois a Guerra Civil.
"Otero Pedrayo, sen avisar, nunha iniciativa espontánea, pero que sen dúbida estaba moi meditada pola súa banda, rompeu a falar en galego na súa despedida da cátedra, diante do claustro, diante dos estudantes e as autoridades" explicou Juan Viaño Rey, reitor da USC. "Daquela iso era imposible", recordou, "se cadra mesmo impensable". Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega e asistente á derradeira clase de Otero, recordou a "ovación extraordinaria e desconcertada" que lle adicou ao mestre o público que ateigaba o Paraninfo tamén naquela ocasión. "A primavera chegara, por fin, á Universidade", afirmou Alonso Montero, "co discurso en galego de Don Ramón".
Ramón Villares Paz, vicepresidente da Fundación e presidente do Consello da Cultura Galega, afirmou, pola súa banda, que "Otero xa era un símbolo, pero en 1958 empezou a ser un mito, o mito que hoxe sigue sendo". Villares recordou que o mestre xustificou a súa escolla lingüística "porque llo pedira unha alumna" e reivindicou a vixencia e a vitalidade do discurso de Otero Pedrayo, que "contén mensaxes moi acaídas para os tempos que vivimos". Víctor F. Freixanes, presidente da Fundación Otero Pedrayo, afondou na vixencia das ensinanzas do mestre de Trasalba, recordando que "sempre falaba do futuro" e asegurando que Otero era "enerxía en estado puro, ao servizo de Galiza e da súa identidade e dignidade".
Patricia Arias Chachero e Afonso Vázquez Monxardín, autores da publicación Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976), pecharon o acto académico cun percorrido visual polas preto de 500 imaxes, moitas delas inéditas, e dos máis de 100 textos que compoñen o volume. Unha fotobiografía que, en palabras do reitor da USC, é "un documento importante e necesario na memoria do patriarca das nosas letras, ao servizo da divulgación da que sen dúbida é unha das grandes personalidades da cultura galega contemporánea".
Puxo o broche de ouro ao acto de recordo a voz do patriarca, recuperada polo Arquivo do Consello da Cultura Galega e o Patronato da Fundación Otero Pedrayo, nun arquivo sonoro que chamaba aos presentes a ser "bos galegos", "non só por nós, senón pola Galiza do futuro".
(No noso blogue deixamos unha fotogalería do acto)