Vigo, 4 de novembro de 2014 (14.00) No mediodía do martes 4 de novembro recibiamos a nova de que a tradución ao galego do clásiso de James Joyce, Ulises, viña de ser recoñecido co Premio Nacional de Traducción que concede o Ministerio de Cultura. O traballo, publicado baixo da responsabilidade do editor literario de Galaxia, Carlos Lema, foi obra de María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Anton Vialle.
Este importantísimo recoñecemento súmase ao Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Traducido de 2013, o Premio da Asociación de Editores como Mellor Tradución do ano 2013, o Premio Irmandade do Libro 2013 á Tradución e o Premio AELG 2014 á Mellor Tradución.
No momento de recibir a noticia, está en máquinas o número 203 da revista GRIAL que levará por título ULISES, JOYCE E GALICIA, con traballos de Antonio R. de Toro, César Domínguez, X. M. Giráldez, Marilar Aleixandre e o equipo de tradución do clásico irlandés.