Exposicións, presentacións de libros e outros actos, honrarán dende hoxe en Cambados a figura e a obra de Ramón Cabanillas de quen este ano se conmemora o medio século do seu pasamento.
Así, hoxe, ás 20 horas, no xardín do Pazo de Torrado, en Cambados, presentarase o libro RAMÓN CABANILLAS. CRÓNICA DE DESTERROS E SAUDADES, de Luís Rei. Estará acompañado neste acto por Francisco Fernández Rei, Víctor F. Freixanes e Emilio Xosé Ínsua López.
Ao remate da presentación haberá unha actuación da soprano Andrea Búa Aguín.
E unha hora máis tarde, ás 21 horas, e no mesmo lugar, celebrarase o acto de inauguración da exposición RAMÓN CABANILLAS. A ROSEIRA DOS RECORDOS, mostra que percorre a vida e a obra do cambadés. Esta mostra, producida por Merlín Comunicación, está organizada pola Editorial Galaxia, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consello Regulador D.O. Rías Baixas e o Concello de Cambados.