Hai uns días celebrouse en Bos Aires a "Noite dos Museos", unha actividade que implica o desenvolvemento dunha morea de ofertas culturais, gratuítas todas, e que desta volta agasallou aos que participaron cunha actividade novidosa na Arxentina -antes xa se realizara en Berlín no ano 2010- chamada "Caja Urbana de Voces Otras" e na que durante 30 horas ininterrumpidas se leron textos en diferentes linguas.
A literatura galega estivo moi presente a través dos beizos ilusionados de nove mozos e mozas de quinto curso do Instituto Santiago Apostol que decidiu participar e así contribuír a que a lingua galega estivese presente e gozase de protagonismo en tan importante iniciativa.
Os alumnos e alumnas do Instituto Santiago Apostol enfocaron a actividade como un acto de homenaxe á nosa lingua mais tamén aos seus autores, e escolleron ler varios fragmentos de "Cartas a Lelo" de Xosé Neira Vilas e de "Cabalo de ouros" de Víctor F. Freixanes.
No noso blog deixamos unha pequena galería fotográfica dunha xornada na que as verbas de Nós soaron, poderosas, nas voces xuvenís dos galegos e galegas de Alén-Mar.