A industria galega do libro segue crecendo

Categoría: Nova

Anualmente por estas datas, coincidindo coa celebración do Liber, a feira iberoamericana do libro, e en vésperas de Frankfurt, a grande feira europea da edición, a Federación do Gremio de Editores de España pon enriba da mesa o seu informe de comercio interior, informe que constitúe o principal observatorio da industria do libro español nestes momentos (tamén do libro galego).

As 43 empresas galegas da edición privada asociadas á AGE (Asociación Galega de Editores) publicaron o pasado ano 1.623 títulos (un 2 % máis ca no ano anterior), cunha tiraxe media de 1.829 exemplares e unha facturación total de 32 milóns de euros.

O incremento da facturación da edición galega ese ano ascendeu un 16,3 % respecto do ano 2006. Foi o gremio que máis creceu, fronte a unha media española do 3,6 %. O seguinte gremio en crecemento foi o valenciano, un 8,8 %. No ano 2006 a edición privada galega facturara 28 millóns de euros. En dez anos, dende 1998, o incremento da cifra de negocio da nosa edición privada foi dun 183,8 %.

Son cifras de referencia. Mais a tendencia é positiva. A edición privada galega medra e o mercado do libro galego, paseniñamente, consolídase. O catálogo vivo da nosa oferta editorial ascende nestes momentos a 15.217 títulos. No ano 1998 eran 4.761.

No ano 2007 as empresas privadas da edición galega abonaron 1,6 milóns de euros en dereitos de autor, fronte a unha media española de 5,6 %. Nesa porcentaxe, que se calcula sobre a facturación total da edición, hai que considerar, loxicamente, a oferta editorial libre de dereitos (clásicos sobre todo).

Respecto á temática dos libros máis vendidos, as porcentaxes son tamén coñecidas: o libro de texto non universitario, afectado nos últimos tempos polo fenómeno da gratuidade, representa un 44,1 % da facturación galega (fronte a un 49,3 % na edición andaluza, un 51,7 % en Euskadi e unha media española do 26 %); os dicionarios e as enciclopedias suman un 17,2 %; a literatura infantil e xuvenil un 14,7% e a literatura en xeral (incluidos os clásicos) un 5,6 %. A librería segue a ser a canle preferida para a comercialización: un 45,5 %, se sumamos as librerías e as cadeas de librerías, contra unha media española do 47,3 %.

No ano 2007 publicáronse en lingua galega 1.674 títulos (un 22,6% dos cales producíronse en editoras ou gremios de fóra de Galicia). Isto significa que a edición privada (non incluímos a edición pública ou de carácter institucional) pon no mercado 4,6 libros diarios.

Compartir na redes sociais: