O pasado venres, o xurado do Premio Lazarillo 2014, o galardón máis antigo do estado e o de máis prestixio dentro da LIX, decidiu outorgar á obra O MEU PESADELO FAVORITO, de María Solar, o premio correspondente a este ano. A obra de María Solar alzouse sobre o case centenar de libros presentados. Será publicada pola Editorial Galaxia no mes de febreiro de 2015.
En O MEU PESADELO FAVORITO, segundo informa a acta do xurado, María Solar "conta a historia dun neno durante un proceso febril no que os distintos antitérmicos que o seu pai vai dándolle para baixar a febre, fanlle delirar e soñar. Seguindo o ronsel de Alicia a través do espello no País das Marabillas (hai veladas e simpáticas referencias a ese libro), os distintos capítulos van contando diferentes mundos cheos de personaxes inesquecibles, pero en todos eles queda un asunto aberto que se pechará, hermeticamente e perfectamente, no último dos soños, xa sen febre.
A autora deseña un universo literario en cada capítulo dende o delirio e o pracer literario, imaxinativo e ficcional".
O MEU PESADELO FAVORITO será o terceiro libro de María Solar no catálogo de Galaxia logo de VOU TER UN IRMÁN!!! e A VERDADEIRA HISTORIA DA MOSCA DA TELE.