No cadro histórico de Xohán Ledo, onde aparece o primeiro equipo de xestión da editora, capitaneado por Francisco Fernández del Riego, está o retrato de Rufo Pérez González, acompañado de Antón Beiras, Xaime Isla Couto, Emilio Álvarez Blázquez, Luis Viñas Cortegoso, Xosé Meixide González e o propio pintor, primeiro deseñador de Galaxia: Ricardo García Suárez (Xohán Ledo).
Na fotografía que reproducimos, Rufo Pérez visita as nosas novas instalacións da Avenida de Madrid e retrátase cunha parte do Consello de Administración. De esquerda a dereita, de pé: Xulián Parga, Benxamín Casal, Rufo Pérez González, Alfonso Zulueta, Manuel Meixide, Víctor F. Freixanes, Antón Vidal Andión e Francisco Domínguez. Sentado: Xoán Bernárdez Vilar. Foi a derradeira visita que Rufo Pérez realizou á nosa casa (a súa casa), coincidindo cunha xuntanza de accionistas.
Rufo Párez González naceu na parroquia de Freixeiro (Vigo) en 1915 e vén de falecer nesta cidade. Durante anos foi profesor de Matemáticas, primeiro na Ponferrada e logo, durante prácticamente toda a súa vida profesional e docente, no instituto Santa Irene de Vigo e na antiga Escola de Comercio.
Vencellado dende moi novo ao galeguismo, participou no proxecto de Galaxia na primeira etapa, na que aportou os seus coñecementos de xestión empresarial e contablidade. De pensamento de esquerdas, a súa xenerosidade levouno a participar en numerosas empresas e iniciativas a prol da cultura galega, a nosa lingua e a conquista das libertades democráticas e autogoberno de Galicia, sempre na órbita do nacionalismo de esquerdas.
O seu carácter aberto, extrovertido, dado á amizade e á colaboración, fixo que todos o considerasen, ademais, un excelente compañeiro e amigo, co que sempre se podía contar. Vanse os bos e xenerosos, segundo anuncia o cantar, e deixan a semente do seu esforzo, do seu traballo e da súa xenerosidade.