A cultura galega brilla en Bos Aires

Categoría: Nova

A profesora, colaboradora de Grial e da Radio Galega, e sobre todo, activista cultural a prol da cultura galega, envíanos tres fotos relacionadas coas actividades galegas que se desenvolven na cidade de Bos Aires e aproveita para explicárnolas coa paixón que lle pon a todo o que fai. Unha manchea de tertulias, cursos, obradoiros, conferencias e charlas que manteñen aceso o facho da nosa cultura na capital da Arxentina.
De seguido, reproducimos a súa crónica:
"O sábado 14 foi inaugurado o segundo ano do ciclo da Memoria Histórica e Afectiva Os Guieiros que, organizado pola Asociación Os Gromos e baixo a dirección da cantante e profesora Graciela Pereira -a quen podemos ver na foto en plena actuación- invita a lembrar o traballo de sobranceiros autores, artistas e políticos da colectividade a prol da cultura galega. A primeira xuntanza do ano foi en memoria de Segundo Pampillón, musicólogo e impulsor do Instituto Arxentino de Cultura Galega do Centro Galego de Bos Aires.
Ademáis, as galegas terán oportunidade de volver a pensar e debatir nos asuntos que lles interesan dende o sábado 28 de marzo cando inicien os obradoiros Cousas de Mulleres, organizados polo colectivo Herbas de Prata. O grupo leva tempo abrindo espazos para seren escoitadas e no que sintan a liberdade de falar de todo canto viven, pensan e sinten. A fotografía reflicte un instante do curso de autoesima organizado por este colectivo.
Finalmente, tamén o sábado 28 darán comezo as tertulias do ciclo de literatura galega que dende hai tres anos ten sitio no Café Tortoni da tradicional Avenida de Maio. Aproveitando o patrimonio da Biblioteca Galega de Bos Aires -á que Editorial Galaxia doou o seu fondo editorial- e outros reservorios como o do Centro Galego e o Centro Galicia, os lectores e lectoras percorrerán este ano os clásicos das nosas letras dende a Lírica Galego-Portuguesa ata A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor. A terceira foto permítenos ver un instante dunha desas tertulias do Tortoni.
Chega marzo e a cultura galega latexa con forza na megalópole austral que, non por nada, ainda é pensada como a quinta provincia".
Débora Campos, boa e xenerosa. Con Nós sempre.

Compartir na redes sociais: