Foron moitos días cheos de intensidade, dende o mércores ata onte, reunidos case que 600 convidados para debater e compartir angueiras e esperanzas arredor da Literatura Infantil e Xuvenil no 32 Congreso Internacional de IBBY que se celebrou en Compostela.
Foron días para o encontro entre autores, ilustradores, editores, bibliotecarios e, en xeral, de todas as persoas que traballan e desenvolven a súa creatividade arredor do libro. Días para a convivencia mais tamén para o descobrimento de como cada vez hai máis grupos de investigación en todo o mundo preocupados pola análise científica deste tipo de produción. Non quedou tema sen abordar: dende a tiranía do 'politicamente correcto' neste tipo de literatura, aos métodos de promoción da lectura, pasando pola discusión arredor das características que deben ter os textos de LIX para ser considerados de calidade. Mais, sobre todo, foron cinco días para coñecer, dende Galicia, que é o que se está a facer no mundo e para, dende Galicia, explicar quen somos e que estamos a aportar no eido da Literatura Infantil e Xuvenil mundial.