A 'Roseira dos Recordos' en Vigo

Categoría: Nova

Coincidindo co medio século do pasamento do poeta Ramón Cabanillas, Editorial Galaxia, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consello Regulador da D. O. Rías Baixas e o Concello de Vigo inauguraron onte na Casa Galega da Cultura esta exposición que percorre a figura e a obra de Ramón Cabanillas.

Conduciu o acto de inauguración o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, quen, en nome da editorial, manifestou a importancia que a figura de Ramón Cabanillas ten para a mesma, non en van o primeiro libro que se editou foi a 'Antífona da cantiga' do escritor cambadés. Tomou a palabra en primeiro lugar o vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz, quen falou da 'necesidade de lembrar e homenaxear aos grandes persoeiros da nosa cultura, como é o caso de Ramón Cabanillas'. Lembrou distintas pasaxes do discurso de entrada de Cabanillas na Real Academia Galega, onde aproveitou para alicerzar unha serie de conceptos como 'terra' e 'raza' que pasarían a formar parte do noso imaxinario simbólico colectivo. Finalmente, falou da súa poesía, 'unha lírica cunha gran capacidade de transformación. Para Zulueta de Haz, 'a poesía é un dos grandes logros humanos', polo que a de Cabanillas pode celebrarse especialmente. Rematou lembrando que o de Cambados sempre mantivo presente a esperanza nun futuro esplendoroso para a nosa lingua.

Tomou despois a palabra o comisario da exposición, Luís Rei, quen se centrou especialmente no feito feliz de que esta exposición, que se inaugurou hai meses en Cambados, chegara finalmente á cidade de Vigo e, concretamente, á Fundación Penzol, 'pois dalgunha maneira a exposición saíu de aquí, das moitas horas que botei traballando aquí nesta biblioteca'. Sen dúbida, é relevante que chegue á Penzol pois a relación entre Cabanillas e Fermín Penzol foi especialmente intensa, dunha amizade profunda. A correspondencia que se conserva entre ambos os dous así o demostra. Luís Rei relembrou tamén os vencellos que Cabanillas tivo coa cidade de Vigo. O poeta chegou a ser o administrador do mítico 'Diario de Galicia' da cidade olívica 'e aquí, nesta cidade, alicerzou importantes amizades como Paco del Riego ou Paz Andrade'. Sobre a importancia da súa poética, o comisario e estudoso da obra de Cabanillas sinalou que 'despois da desaparición da triple coroa do XIX (Rosalía de Castro, Curros e desprazado Pondal) tíñase un certo temor a que a poesía galega perdese parte da súa calidade e importancia. Aí apareceu a obra inmensa de Cabanillas para negalo'.

O presidente do Consello Regulador da D. O. Rías Baixas, Xosé Ramón Meiriño, falou do interese que, dende o primeiro instante, a institución amosou na colaboración con esta exposición de homenaxe a Ramón Cabanillas no medio século dende o seu pasamento. O poeta de Cambados, dixo, 'estaría ben contento de que nós, que nos adicamos ao viño, apoiaramos esta homenaxe porque, a fin de contas, o viño tamén é cultura'.

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López-Barxas, definiu a obra de Cabanillas como unha 'experiencia telúrica e identitaria que vai espallarse polo resto da literatura galega ata os nosos días'. Pola súa banda, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística falou de que a homenaxe que hoxe se lle tributaba a Cabanillas, 'é algo máis cá unha homenaxe a un poeta concreto. En realidade é unha homenaxe a toda unha xeración de creadores clave na recuperación e a dignificación da cultura galega no século XX, referentes, todos eles, para a recuperación, tamén, da lingua nosa'.

Pechou o acto o concelleiro de Cultura de Vigo, Xesús López Carreira quen pediu que a exposición servira para 'abrir a fiestra e que entre o mesmo vento mareiro que a moitos de nós serviu para nos introducir na lingua e na cultura galega'.

Compartir na redes sociais: