O sector do libro galego premiou hoxe a Mar de mazá, de Elvira Ribeiro, como mellor obra na categoría Infantil, e O derradeiro libro de Emma Olsen, a novela gráfica de Berta Dávila e Pablo Prado, na categoría de Banda deseñada.
A explosión de creatividade nos debuxos de Begoña G. Arce en Mar de mazá enche aínda máis de fantasía e expresividade o universo marino ao que nos remiten as poesías de Elvira Ribeiro.
Se segues o son
Destas rimas dondas
Sucaremos océanos
E miraremos as ondas
Para descubrir illas do tesouro, coñecer a unha nena pirata ou unha mariñeira, navegantes dos sete mares, as máis bravas das augas, os piélagos calmos, o mar de mazá. Sobe o barco!
Unha simbiose entre ilustrador e autora que se repite en O derradeiro libro de Emma Olsen: Pablo Prado fai o guión adaptado do texto orixinal de Dávila, que adquire nova vida coma novela gráfica.
Nela, coñecemos os anos máis importantes da vida da protagonista que, afectada dunha enfermidade terminal, decide empregar os seus últimos meses en escribir un libro. En Faith, a pequena cidade do Medio Oeste americano onde naceu, agóchanse segredos e mentiras que só sairán á luz agora, cando a vida está a piques de chegar ao seu fin.
Os Premios Follas Novas do libro galego, que estrean nome este ano, celebráronse nunha gala presencial sen público no Teatro Principal de Santiago e retransmitíronse pola rede a través de Youtube, onde poderedes velos de novo. Este ano, o galardón honorífico á Edición rendeu tributo ao director comercial de Galaxia Xulio Amigo, compañeiro que nos deixou, tristemente, o pasado ano.
Organizados polas tres asociacións que representan ao sector do libro galego, a Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia, recoñecen cada ano as quince mellores obras por categorías de entre os case 1200 libros publicados en conxunto polo sector editorial galego. Este ano, ao premio á calidade súmase, ademáis, a intención de dotar de visibilidade ao mundo do libro no difícil contexto da pandemia: precisámolo máis vivo ca nunca.