Chega ás librarías As vidas de… Antonio Fraguas

Categoría: Nova

Xosé A. Neira Cruz achéganos á vida e obra de Antonio Fraguas a través dunha biografía novelada chea de aventuras.
As vidas de…Antonio Fraguas é a adaptación para os máis pequenos da historia dunha das personalidades máis importantes na literatura galega. Ao longo das súas páxinas empréndese unha viaxe no tempo na procura dunha das obras poéticas de xuventude de Antonio Fraguas. Preséntanse as moitas vidas dun home que fixo moitas cousas e sen o cal é imposible entender a Galicia dos nosos días. Cóntase a historia do profesor Fraguas, tal e como lle chamaban todos os que tiveron ocasión de gozar do seu maxisterio, do membro numerario da Real Academia Galega, dun dos fundadores da Sociedade da Lingua en Pontevedra, dun dos protagonistas da transformación do Seminario de Estudos Galegos… A historia dun home que, en palabras do autor, é unha referencia de saber e bondade, calidades que non sempre van á par.
Este é o primeiro tomo dunha colección dirixida a un público infantil na que se presentan as vidas de moitos dos perfís máis importantes das Letras Galegas. Unha serie de historias que se expoñen dunha das formas máis orixinais que podes atopar: a biografía novelada. Un conxunto de biografías acompañadas de ilustracións e cheas de aventuras que non vas poder deixar de ler.
Xosé A. Neira Cruz (Compostela, 1968) é xornalista e profesor na Universidade de Santiago de Compostela, ademáis dun dos autores de libros dirixidos a público infantil e xuvenil máis relevantes do panorama galego actual. Autor de máis de 30 obras de creación literaria, recibiu, entre outros, o Premio Merlín e o Barco de Vapor en dúas ocasións cada un; o Raíña Lupa da Deputación de Coruña (2002); o Premio Lazarillo da OEPLI (2004); e os premios Barriga Verde e Manuel María de Teatro, da Axencia Galega das Industrias Culturais AGADIC (en 2008, 2009 e 2010). Máis recentemente foi galardoado co Premio de narrativa breve Respsol 2017 pola súa obra O sono das sereas. Ademais, é un autor convidado en feiras internacionais e a súa obra foi obxecto de estudo na Universidade de Boloña, onde xa se defenderon catro teses sobre outros dos seus libros.

Compartir na redes sociais: