50 anos da primeira representación en Galicia de 'Os vellos non deben de namorarse'

Categoría: Nova

A Biblioteca Nodal 'Ánxel Casal' de Santiago de Compostela inaugura hoxe a exposición "Os vellos non deben de namorarse, 1961-2011. Cincuenta anos na memoria", unha mostra que conmemora o 50 aniversario da primeira representación en Galicia da obra "Os vellos non deben de namorarse" de Castelao, o 25 de xullo de 1961 na compostelá Praza da Quintana.

No ano 1961 o grupo de teatro de Cantigas e Agarimos, dirixido por don Rodolfo López-Veiga, puxo en escena por primeira en Galicia a obra de Castelao, "Os vellos non deben de namorarse". Pasados cincuenta anos daquel acto senlleiro da cultura galega, a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, en colaboración coa Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, quere renderlle unha homenaxe a todos aqueles e aquelas que fixeron posible que, aquela noite do 24 de xullo de 1961, a Praza da Quintana estivese abarrotada, no que -no dicir de moitos dos intelectuais galegos da época- foi un dos máis senlleiros acto de manifestación galeguista do tempo.Dende a xunta directiva da Asociación Cantigas e Agarimos destacan que "Todos e todas os que hoxe formamos parte de Cantigas e Agarimos temos claro que é de galegos de ben o ser agradecidos, ou -como di Manolo Rivas- que no noso país, danse as grazas." Amais desta exposición sobre a primeira representación en Galicia de "Os vellos non deben de namorarse" entre o 10 e o 30 de abril, haberá un acto de agradecemento, o venres 13 de abril, ás 20.00 h.

A exposición pódese visitar durante o horario de apertura da biblioteca e acompañará á exposición unha mostra bibliográfica elaborada pola biblioteca con fondos da mesma, titulada "Castelao dramaturgo: Os vellos non deben de namorarse".

Compartir na redes sociais: