Galicia 25. Unha cultura para un novo século é o título da mostra que se presentou na Sede Central de Caixanova, en Vigo. A exposición consta de 25 módulos que amosan a evolución cultural do país en diversos ámbitos ao longo do último cuarto de século. Segundo explicou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, "non é un inventario, senón un balance de 25 anos de cultura e unha incitación para se proxectar cara ao século XXI". Pola súa banda, Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova, apuntou que o proxecto supón "un fito histórico" e apuntou que se trata "dun dos contidos máis importantes que nunca acolleu Caixanova". Logo da súa estadía en Vigo entre o 1 de outubro e o 30 de novembro deste ano, a idea é que a mostra inicie un percorrido por diferentes localidades galegas. Fernández Gayoso amosou tamén o seu interese en que o proxecto visite diferentes cidades do norte portugués.
Tamén interviron Iago Seara e Víctor Freixanes, comisarios da iniciativa xunto con Henrique Monteagudo. Freixanes salientou que esta exposición é "un escaparate da cultura galega, a imaxe dun país en marcha que ten algo que dicir e quere dicilo, unha cultura e un idioma con capacidade para dialogar e interactuar con outras culturas e outros idiomas en igualdade de condicións, sen arrogancias e sen complexos".
Na súa alocución durante o acto, Ramón Villares incidiu en que a iniciativa supón "un exemplo de colaboración", xa que conta coa participación das consellarías de Presidencia e de Cultura, ademais do Consello e de Caixanova.
Esta mostra, producida por Merlín Comunicación, ocupará durante dous meses as salas I e II do Centro Social Caixanova (Policarpo Sanz) e mais a sala de exposicións do Centro Cultural Caixanova (Rúa Reconquista). Durante este tempo haberá tamén unha serie actividades paralelas e complementarias á exposición, que poden consultar á dereita desta páxina.