23 de abril, Día do Libro

Categoría: Nova

Como cada 23 de abril, celébrase en todo o mundo o Día do Libro. Unha festividade laica para homenaxear un dos inventos mellores que nunca houbo nin probablemente haberá como é o libro. Un día, tamén, para achegarse polas librerías de todo o país que hoxe ofrecen descontos de ata un dez por cento.
Aínda que no noso país esta xornada non ten a forza presente noutras latitudes, o certo é que é unha boa ocasión para reivindicar os libros, neste intre de crise e incerteza, como un valor a protexer.
Os expertos nas cuestións macroeconómicas, sinalan unha e outra vez, e semella que a clase dirixente non quere entendelo, que no contexto socioeconómico actual, unha das estratexias importantes á hora de atopar unha saída e volver polos roteiros do cremento é o investimento en educación e cultura. Ou se cadra, que se hai un ámbito (non o único dende logo, pero si un moi importante), onde non hai que recortar, é precisamente aí. Hai que coidar o coñecemento. E, nese universo, o libro é a trabe central na que todo debe apoiarse.
Dende Galaxia, hoxe, para todas as lectoras e lectores, desexamos un feliz e ventureiro Día do Libro.

Compartir na redes sociais: