No ano no que conmemoramos os 200 anos do grandísimo autor de Baltimore, a nosa editorial publica, en dous volumes, os seus 'Contos Completos' en tradución de Eva Almazán á espera do ano que vén no que, un terceiro volume, deixará completado na nosa lingua esta inxente labor literaria e editorial.
Un dato a salientar é que por primeira vez publícanse en galego estes contos de Edgar Allan Poe e faise nunha edición sistematizada, que segue a orde cronolóxica e o texto establecido pola edición canónica de The Library of America.
A publicación destes dous primeiros volumes dos 'Contos completos', de Edgar Allan Poe (Boston, 1809-Baltimore, 1849), realízase dentro de Clásicos Universais, colección que ten como obxectivo traducir para o galego as obras fundamentais da tradición literaria mundial.
A obra contística de Poe é unha das que fundan a tradición literaria moderna, salientando como precursora en diversos subxéneros coma o policial e o de misterio. A súa influencia nos autores posteriores chega ata hoxe e a súa tradución sistemática para o galego ten relevancia, ademais, pola papel central do conto na tradición literaria do noso país.
Con esta edición dos 'Contos completos', de Edgar Allan Poe, o lector galego vai ter acceso ao conxunto dunha obra que é unha destemida e fascinante indagación nos misterios do mundo. O hipnótico poder de atracción das súas historias e unha concepción da literatura que xoga coas convencións para as superar fan de Poe un deses escritores lendarios que sobardadan os límites do universo literario.
Poe escribiu contos coma "Os crimes da rúa Morgue", precursor do xénero policial, e "A caída da casa Usher", obra mestra da narración de misterio, ademais de contos de imitación humorística, paródicos e filosóficos. Por outra banda, a obra narrativa de Poe está considerada como unha das que marcan o inicio da literatura moderna; a orixinalidade dos seus temas e o xeito no que son tratados, empregando unha linguaxe que renova a narración tradiciónal, vai deixar unha fonda pegada en todas as literaturas do mundo e supón un punto de inflexión inescusable na concepción da narrativa como xénero literario. A obra de Poe é un dos símbolos culturais que sinalan o abrollar da sociedade moderna, a sociedade das grandes cidades e da industrializacion. Como autor, Poe exerce e exerceu unha indubidable influencia na cultura do século XX, mesmo na cultura popular e, singularmente, no cinema.