As Mamá Cabra están de xira por todo o país. Hoxe actuarán en Vigo en dúas sesións, ás 16:30 e ás 18:30 h, no Auditorio Municipal para interpretar os temas do seu último traballo, 'Xa me tardan estes Magos', aínda que non han faltar cancións do seu anterior traballo, tamén en Galaxia, 'Ola, ola, la!'.
Co gallo desta xira mantivemos unha conversa con Gloria R. Roel, vocalista do grupo.
¿POR QUE ESTE LIBRO-DISCO?, ¿É QUE VÓS ERADES DAS QUE NUNCA VOS DABA CHEGADO O DÍA DE REIS?
Máis ben éramos das que nos chegaba demasiado pronto o día de voltar á escola, aínda non xogaras nada e xa tiñas que volver aos deberes… pero sí, antes non había polo medio ningún agasalliño máis e a espera era dura…
NUNHA DAS CANCIÓNS DO VOSO NOVO TRABALLO FALADES DE CATRO REIS MAGOS, ¿PERO COMO É ISO?, NON ERAN TRES?
Pois se sumamos a Papá Noel, xa van catro, e si sumamos ao apalpador xa van cinco, así que en agasalladores andamos surtidos…Aínda que na nosa canción quen nos aparece de certo é outro cuarto rei: o cuarto rei VAGO… E preguntámonos, ¿cómo pode ser que sexa vago con tanto traballiño que hai, e tanto mundo por percorrer?
OS VOSOS CONCERTOS ESTÁN A SER UN COMPLETO ÉXITO. NON SÓ POLOS TEMAS NOVOS, SENÓN QUE VEMOS QUE OS CATIVOS XA SE SABEN MOITOS TEMAS DOUTROS DISCOS, COMO 'OLA, OLA, LA!' ¿COMO VOS SENTIDES DIANTE DESTE FENÓMENO?
Sentímonos fenomenal porque así o pasamos mellor todos cantando xuntos. No 'Ola, Ola…', a parte de ir e coñecer sitios nos que non tocáramos, compartimos cantos e bailes con moita xente. Unha sorte.
NO LIBRO PARTICIPAN TRES POETAS GALEGOS MOI IMPORTANTES, ALGO XA PRESENTE NOUTROS TRABALLOS DO GRUPO. MAIS DESTA VEZ ANIMÁCHESTE CON DÚAS LETRAS PROPIAS. ¿QUE TAL A EXPERIENCIA?
Pois moi boa, porque entre tanta poesía tan bonita, como realmente me sinto é arroupada. Un deses temas, o de "xa me tardan estes Magos", fixérao para os meus alumnos de terceiro de primaria no 2009, e non vexas a ilusión que lles fixo escoitala nun CD e volvela a facer para o Nadal do colexio!
E XA PARA REMATAR, QUIXERAMOS QUE NOS DIXERAS ALGO SOBRE O TRABALLO DE ILUSTRACIÓN DE KRISTINA SABAITE…
Kristina é tan imaxinativa, tan emocionante, que ver as súas ilustración é como pensar nun conto, pois descubres moitos matices que te fan soñar. A imaxinación é algo imprescindible para a vida. A min marabíllame pensar cómo se lle ocorren as cousas que debuxa… é maxia, seguro que é maxia …