Onte, no Teatro Principal de Pontevedra, celebrouse a Gala anual da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para recoñecer os mellores traballos do ano anterior segundo o criterio dos socios e socias da Asociación.
Dous libros de Galaxia foron merecentes dese recoñecemento.
Por unha banda, a tradución galega do Ulises de James Joyce, premiada como Mellor Tradución. Dous dos tradutores, Xavier Queipo e María Alonso Seisdedos amosaron a súa ledicia polo recoñecemento. Queipo explicou como esta tradución viña dunha semente sementada hai máis de oitenta anos por Otero Pedrayo e todos os que con el soñaron un país, e que agora á fin vía a luz. Pola súa banda, María Alonso Seisdedos emocionou a todas e a todos ao ler en galego un poema de Bernardo Atxaga, quen estaba presente no acto ao ser recoñecido pola AELG como Escritor Galego Universal.
No apartado de Narrativa, o mellor libro a xuízo dos membros da AELG foi 'A lúa da colleita', recentemente galardoado tamén co Premio da Crítica. Anxos Sumai amosouse sorprendida pero moi feliz de recibir este premio dos compañeiros e compañeiras de traballo.
Unha noite feliz na Boa Vila de Pontevedra.