'O Principiño' cumpriu 70 anos

Categoría: Nova

O pasado sábado, o clásico de Saint-Exupèry, 'O Principiño', cumpriu setenta anos, un libro que leva sete décadas facéndonos pensar na importancia daquelo que queremos, aínda que só sexa unha cativa flor nun asteroide, ou axudándonos a recuperar aquel neno que fomos e que, co tempo, esquecimos.
A devoción por este libro dos lectores e lectoras do noso país quedou ben clara co concurso que hai uns meses botamos a andar en twitter, animando aos seareiros desta historia, que Galaxia publicou en 1972 en tradución de Carlos Casares, a contar en 140 caracteres por que aman esta obra inmorrente.
Setenta anos despois, o Principiño segue preguntándose se as estrelas saen, en realidade, para que el as admire, afirmando que para ver ben hai que ver co corazón, non cos ollos, pois ao esencial só se chega así, que as cousas os maiores as entenden mellor se os nenos llas explican, e que unha rosa é importante, e singular, e única, porque alguén decidiu coidar dela.

Compartir na redes sociais: