'O momento é crítico para o galego'

Categoría: Nova

Hoxe, ás 20 horas na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, Henrique Monteagudo presenta o seu novo libro 'As razóns do galego. Apelo á cidadanía'. No acto estará acompañado por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, e Xosé Hermida, delegado de El País en Galicia.
Co gallo desta presentación, mantivemos unha interesante entrevista co autor no que se enfronta a algunhas das grandes teses das que enuncia nun libro que está chamado a dar que falar. Dende a esta web, como dende o noso blog, podes descargar o primeiro capítulo do libro.

– ¿Por que agora este libro?

O momento é crítico para o galego e na miña opinión resulta fundamental dirixirse á sociedade cun novo discurso sobre o idioma. Temos que esforzarnos por interpelar ao conxunto do país, tentar saír dos círculos de iniciados e convencidos.

– ¿Pensa vostede que a cidadanía é realmente consciente da problemática que vostede explica nas súas páxinas?

En penso que as continuas agresións ao galego están comezando a incomodar a sectores sociais cada vez máis amplos. Outra cousa é que a cidadanía teña a suficiente información e os elementos de xuízo necesarios para contemplar o asunto do idioma en toda a súa complexa realidade. O libro pretende ofrecer algo diso.

– ¿Que lle diría aos que falan de "imposición" do galego?

Estou convencido de que é un discurso impostado, e que a maioría dos que o emiten non o cren en absoluto, aínda que pode haber casos contados de fanatismo. Agora ben, pode haber cidadáns simples que o traguen, porque nunca ninguén lles fixo reparar (e eles mesmos non reparan) na imposición do castelán. A pervivencia de prexuízos lingüísticos que tendiamos a dar por residuais ou superados obriga a unha seria reflexión.

– ¿Como lle explicamos a quen non lle preocupa para nada o asunto, que é importante recuperar a nosa lingua?

Penso que debemos apelar a unha serie de valores como civismo, proxecto colectivo, cultura, cohesión social e solidariedade, desgrazadamente cada vez máis arrecunchados nun contexto de imposición de contravalores ruinosos: pragmatismo cego, individualismo, consumismo, éxito instantáneo, pensamento a curto prazo, culto á imaxe… Como ben dixo Ramón Piñeiro, "o galego é a bandeira da nosa solidariedade moral", a súa recuperación é unha causa fermosa, inspiradora, e sobre todo xusta.

– ¿É desexable a segregación por linguas?

Totalmente indesexable. É unha proposta descaradamente clasista, e que vai no camiño de tronzar a nosa cohesión como país. Responde a unha obsesión dalgúns sectores privilexiados por dividir a sociedade: separar nenos e nenas, falantes dunha lingua e doutra, ensino privado e público, inmigrantes e oriúndos…

– ¿Que sinte vostede cando escoita falar de "liberdade" aos que manteñen que non queren contacto algún co galego para os seus fillos e fillas?

Algúns acomodados só reclaman a liberdade para facer eles o que lles pete, sen sentirse obrigados co resto da sociedade. Ou sexa, chámanlle ‘liberdade’ aos seus privilexios, mentres que as modestas liberdades da xente do común lles parecen abusos e imposicións. Son xentes profundamente insolidarias e prexuizosas. Encantaríalles agrandar as diferenzas sociais, pois todo o que soe a igualdade lles cheira mal.

– ¿Hai realmente conflito lingüístico en Galicia?

Dun tempo a esta parte, si. Veu provocado por campañas de grupos extremistas moi minoritarios, pero con grande poder social e influencia en importantes medios de comunicación. Infelizmente, teñen audiencia privilexiada na dirección actual do Partido Popular, e están condicionando moi seriamente a política da Xunta de Galicia.

– ¿Como valora vostede o papel que están a desenvolver os políticos, digamos, profesionais, fronte de todas estas cuestións?

Eu distinguiría un sector realmente lunático, que cre esas babecadas da imposición do galego; doutro sector, moito máis amplo, que basicamente actúa con cinismo, mirando de tirar proveito da situación, sen ningún respecto ao país, ao idioma e no fondo, nin sequera a si mesmos. Despois, están os tépedos ou apáticos, moi abundantes, e os que defenden o galego con paixón pero non sempre de xeito acertado ou intelixente. Naturalmente, tamén hai moitos políticos de todas as cores honestamente comprometidos co idioma, que pulan polo seu uso e que o defenden con tino. Agora mesmo axudaría moito que os sectores do Partido Popular con máis sentimento galego (que son importantes) fixeran un exercicio de visibilidade do seu galeguismo.

Compartir na redes sociais: