A exposición arredor do libro de Teresa Moure, 'Eu tamén son fonte', ilustrado por Leandro Lamas e que leva arredor dun ano itinerando con grande éxito por toda Galicia, chegou onte á cidade de Vigo.
Na sede da Casa das Mulleres (rúa Romil, 20, baixo, dereita) produciuse este martes a inauguración desta mostra que permanecerá aberta ata fin de mes.
En 'Eu tamén son fonte' a escritora Teresa Moure escribiu unha fermosa historia que gravita arredor do tempo da espera antes da chegada dun novo ser, cando "todo se volve redondo" e a natureza enteira ten ganas de ser primavera.
O libro naceu dunha colaboración con FEDEGALMA, e está a chamar poderosamente a atención tanto polo lirismo e elegancia do texto como polo labor pictórico de Leandro Lamas, quen veu recoñecido este traballo ao ser seleccionado para a Bienal de Bratislava.