Cando na editorial estamos mergullados na produción do libro 'Dúas letras', que sairá en breve, coa película asinada polo director Eloy Varela e co guión de Fina Casalderrey, chéganos a boa nova de que a fita foi a gran triunfadora esta fin de semana no a cada día máis prestixioso Festival de Cine de Cans, onde obtivo tres galardóns e onde a súa protagonista, Teresa Fraga, nai de Fina Casalderrey, se alzou co premio á mellor interpretación feminina.
Concretamente, o xurado recoñeceu 'Dúas Letras' cos seguintes tres premios:
Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción. Segundo recolle a acta do premio: "porque é unha historia do mundo rural moi próxima coa que todos nos sentimos identificados. Tamén pola súa delicadeza ao presentar o sufrimento dunha nai que espera as cartas do seu fillo e porque todos coñecemos a historia dunha carta que estivemos esperando e nunca chegou".
Premio do público á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra e 1.000 euros.
Premio do xurado á mellor interpretación feminina, dotado co Can de Pedra e 200 euros a Teresa Fraga. Segundo sinalou o xurado: "por ser un traballo veraz e emotivo. Nunca unha carta non escrita foi tan ben lida".
Dende a Editorial Galaxia sentímonos moi orgullosos deste galardón outorgado a unha película que é emoción, que explica como eramos ata hai ben pouco, cando parte do corazón vivía do outro lado do mar, de onde chegaban cartas cheas de vida, pero tamén de saudade e incertezas.
Axiña, terémola ao noso dispór nas librerías de todo o país nunha edición que esperamos sorprenda e que estará á altura de tan fermoso produto cinematográfico.