O salón de actos da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago encheuse de público para asistir á presentación da novela de Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, 'Cabalo de ouros' e que supón o seu retorno á novela despois de moitos anos de silencio literario.
O acto abriuse coa intervención do actor Cándido Pazó quen fixo unha lectura, comentada co seu humor característico, do limiar que abre a novela de Freixanes. Despois, Carlos Lema, director literario de Galaxia, fixo un repaso da obra do autor pontevedrés, inserindo este novo traballo de ficción no conxunto da súa obra. Finalmente, a crítica literaria Dolores Vilavedra analizou polo miúdo esta obra que está a chamar poderosamente a atención de público e crítica e que se desenvolve na súa totalidade arredor dunha partida de cartas ben singular e que serve de pretexto para pasar revista, e revisión, a toda a época inmediata á Guerra Civil española tomando o tema do wolframio como leit-motiv narrativo.
O autor, pola súa banda, amosouse moi emocionado durante o acto, ao tempo que recoñecía 'o raro que se me fai estar hoxe neste papel', pois, polo xeral, tócalle a el presentar os libros de outros.
Pero onte tocáballe a el ser o protagonista.
E dende hoxe, a protagonista é a novela, as palabras, os relatos e os mundos que contén 'Cabalo de ouros'