'Abordo esta nova etapa con moitísima ilusión'

Categoría: Nova

Dende o 1 de xaneiro, Francisco Domínguez Martínez é o novo director da Fundación Penzol de Vigo. Un posto dunha enorme responsabilidade, xa non só pola xestión do fondo documental presente na Fundación da Casa Galega da Cultura de Vigo, senón, tamén, porque durante décadas a Fundación estivo dirixida por Francisco Fernández del Riego, alma máter da mesma.
Co gallo desta nova xeira, mantivemos unha conversa con Francisco Domínguez Martínez na que pasamos revista a algunhas das urxencias da Fundación e aos seus proxectos de futuro
PREGUNTA: ¿Como afronta esta nova etapa na súa vida?
RESPOSTA: Con bastante ilusión. Parece que cando un chega á xubilación pode quedar anulado, pero está claro que ese non vai ser o meu caso. Eu son unha persoa moi activa, e de feito sempre compaxinei a miña vida profesional con outras moitas actividades de carácter social e, dende logo, co galeguismo activo.
PREGUNTA: Parece que a dixitalización dos fondos vai ser un dos obxectivos fundamentais.
RESPOSTA: Dende logo que si. É algo prioritario e, de feito, xa se ven facendo dende hai tempo. Pero o problema é que é un traballo que, para poderse culminar, precisa de moitísimo diñeiro. Así que haberá que investigar a ver quen pode axudarnos neste labor. Acudiremos ás instancias precisas, ás administracións públicas… precisamos saber como nos poden apoiar. E sobre isto quixera engadir algo moi importante que tamén nos vai ocupar moito traballo: a nosa presenza en Internet e de todo o que hai aquí ten que ser tamén algo que consigamos canto antes. A dixitalización sen a presenza na Rede non ten sentido ningunha.
PREGUNTA: Vostede dirixe a Fundación Penzol. ¿Considera que a figura de Fermín Penzol é suficientemente coñecida en Galicia?
RESPOSTA: En absoluto. A súa figura é absolutamente descoñecida en termos xerais. E diría incluso que xa non só en Galicia, senón a nivel puramente vigués. Por iso para nós vai ser tamén prioritario dar a coñecer a súa figura. Por unha banda a súa vida, de entrega a Galicia. Pero tamén do seu legado, que é inmenso, e que é necesario espallar para que se poida aproveitar polos investigadores e interesados. Para que poidan eles traballar e, entre todos, facer país.

Compartir na redes sociais: