'A praia dos afogados' cada vez máis internacional

Categoría: Nova

A novela de Domingo Villar, publicada por Galaxia o ano pasado, leva o mesmo camiño de éxito internacional que a súa predecesora 'Ollos e auga', ambas as dúas protagonizadas polo inspector Leo Caldas e que transcorren en Vigo ou a súa bisbarra.
Este camiño de éxito internacional para esta segunda novela do escritor vigués non fixo máis que iniciarse, e estamos certos de que rematará convertindo a Villar no autor galego contemporáneo máis traducido. Agora, as prestixiosas Feltrinelli (Italia), e Little & Brown (Reino Unido) editarán senllas versións en italiano e inglés, seguindo a estela iniciada pola alemá Union Sverlag.
'Ollos de auga' leva xa sete edicións na nosa lingua, e doce en castelán dende a súa saída hai xa tres anos, mentres que 'A praia dos afogados' conseguiu xa a segunda en galego -a piques de saír a terceira- e a oitava en castelán, aínda que foi editada hai menos dun ano, algo que dá a medida do éxito entre os lectores das novelas de Domingo Villar.
Neste intre, Domingo Villar atópase mergullado na escrita da terceira novela, tamén protagonizada por Leo Caldas, e tamén ambientada en Vigo e a súa bisbarra.

Compartir na redes sociais: