Xosé Antonio López Silva

Categoría: Recensión

Non sei por qué, ao comezar esta recomendación lembro dous versos do poema "Matemos ao sheriff King", do Silabario da Turbina (1977) de Rompente:

Sheriff king da nenez de TBO (hoxe cómic no meu
Léxico de cafetería)

A cafetería como lugar para escribir a mellor literatura e como título tamén da sección que dende hai máis de dez anos Miguel Anxo Murado mantén en La Voz de Galicia. Supoño que a rememoración do poema veume de mirar a foto da contraportada, nese xogo anacrónico entre unha cafetería de fasquía decimonónica fronte a un autor moi moderno na súa escrita. Miguel Anxo Murado ten confesado que segue a escribir a man as súas columnas. Eu fago mesmo. Non sei se será xeracional, pero ambos os dous somos demasiado novos como para que o texto de Rompente teña significado algo máis que un poema. Así que a cafetería segue a estar aí, igual que escribir manuscritos a pilot, a lapis ou estilográfica. Supoño que se teño que escoller, prefiro cafés con personalidade propia como ese da foto. Non soen ter tv e alomenos permiten concentrarse mellor.
Todos os artigos de Murado cabalgan entre a reflexión e a análise lóxica ata o extremo. Tampouco falta a ironía como ferramenta de distanciamento. Como columnista, recórdame a un profesor de xadrez: dende un movemento concreto é capaz de amosar como se chegou aí, e cara onde vai desenvolverse a partida. Noutras ocasións expon dun xeito doado en apariencia, o que é a descrición dun xogo complexo ou cómo determinados sucesos concretos son, en realidade, unha condensación ou mesmo unha miniatura traxicómica do mundo que nos rodea.
A súa experiencia vital e literaria condénsase en todos eles nos elementos que para min, caracterizan máis a súa escrita: xunto coa personalidade estilística, a descrición amena, lúcida e penetrante, e a exactitude intelixente. O feito de ter pasado tempo por riba de moito dos artigos sen que ningún deles teña perdido actualidade, amosa todas as cualidades de Murado como escritor.
Escrito en cafeterías ven a demostrar o evidente: que estamos ante un dos mellores columnistas literarios actuais en lingua galega. Miguel Anxo Murado ten un profundo sentido tanto da tradición do xénero. Incorpora tamén a visión máis actual en canto a temas e sobre todo, no xeito das súas análises. O mirar de Murado, sendo xornalismo de opinión sobre sucesos relevantes, sobre todo do eido internacional, achega a súa escrita cara ao ensaio breve, e faino sen perder a perspectiva de ser xornalista galego e autor en lingua galega.
Podemos aprender moito de como está a ser a realidade que nos ten tocado vivir a través dos artigos de Escrito en cafeterías. Dende eses textos enténdese mellor un mundo no que os cafés de decoración exquisita son cada vez máis escasos. Cando menos, aquí queda un interesante onde continúa a debullarse a actualidade dende a intelixencia e a lucidez.

Compartir na redes sociais: