Cando os días mudan tristes, e un esperta coa estraña sensación de non dar saído, por máis que o intente, do pozo de mendacidade no que con máis frecuencia da aconsellable nos megullamos ou nos deixamos mergullar, un recurso feliz para coller aire antes de volver a sufrir o waterboarding cultural, é recuperar unha imaxe ou unha lembranza preñada pola semente dun futuro prometedor. Eis, pois, o meu esforzo de hoxe, a miña aposta, antes de que alguén volva turrar pola miña cabeza para dentro das augas escuras.
Nesa imaxe ou lembranza, un rapaz de acusado sotaque porteño, faime unha pregunta en galego e sobre o galego. Estou en Bos Aires, nesoutra parte da Galicia esparexida, e o colexio Santiago Apóstol acolle unha miña intervención ante adolescentes que se educan en galego, castelán e inglés. “Por que non queren o galego en Galicia?”, pregúntame ese mozo, que non sei dicir se é necesariamente descendente de galegos, xa que arredor de min hai rapaces a me falar na nosa lingua con evidentes trazos étnicos que remiten a diferentes latitudes do mundo. Despois de responder cun optimismo necesario (porque moitas veces só a balsa do optimismo nos permite continuar a aboiar), sigo lembrando esa pregunta e esa voz. No taxi de regreso. Na soedade da habitación do hotel. Agora, aquí, mentres escribo e me pregunto se haberá algún adolescente nalgún centro de ensino de Galicia disposto a me facer a mesma pregunta con idéntica carga de sincera preocupación. Velaquí a dúbida previa ao inminente afogo.