Que os ventos do novo ano nos sexan portantes!

Categoría: Opinión



O cambio de ano lévanos a facer diferentes rituais para pedir desexos: unha uva por cada petición, os brindes con cava, o pé dereito apoiado no chan… E sempre hai palabras que se repiten: saúde, traballo e amor. Son posiblemente as mesmas que escribe a cultura galega nesa carta ó vento para que traia, en 2014, aires de prosperidade. Moita saúde para resistir a crise con vontade de ferro e gañar público; moito traballo para poder manter o sector e as persoas que viven del con maior desafogo e para ofrecer cultura de calidade na nosa lingua; e moito amor para seguir sumando e nunca renderse, que non sempre é doado no permanente estado de crise que vive a cultura galega.

Quizais o vento non só lea estas palabras, tamén vexa a ilusión e o esforzo co que son enviadas. Sentirá o son da música do país, dos grupos que festexan unha longa traxectoria e das novas carreiras que comezan apostando pola identidade; vibrará coa escena galega tan chea de proxectos de calidade á fronte de grandes profesionais; emocionarase co cinema feito aquí que loita por pasear en chimpín e chegar a encher salas con espectadores que recoñezan a valía das súas obras; sorprenderase coa forza das nosas artes plásticas e repousará na emoción das palabras impresas imposibles de que o vento as leve do corazón de quen as le. Verá a emoción das persoas que len e que son quen de soñar, de aprender, de sentir e ata de bailar a través das páxinas de novelas, ensaios, revistas, blogs, poemarios, cómics ou álbums de autores e autoras que escriben en galego para ser lidos no mundo. E sentirá a forza de viaxar a outras culturas a través da nosa, grazas a boas traducións que nos deixan sentir os aires de fóra e levarlles os nosos a outras latitudes.

En 2014 a cultura arremuiñarase en festivais, teatros, pubs, asociacións, congresos, premios, presentacións…, pero o desexo é que tamén o faga nos fogares galegos, debaixo das árbores de Nadal, nos aniversarios, no sofá, no día a día. E que nesta pequena dorna na que viaxa a cultura galega saibamos bolinar para chegar ó maior número de persoas posibles e conseguir que se unan na singradura de apostar pola nosa cultura, pola que canta, interpreta, crea, debuxa, recita e sinte en galego. Esa será a nosa maior forza e o noso mellor desexo a cumprir. Como din os vellos mariñeiros deste país, que para a cultura galega os ventos do novo ano nos sexan portantes!

Compartir na redes sociais: