Preguntas e respostas

Categoría: Opinión



O mundo do ano 1963 era ben diferente ao noso. A partir desta obviedade si que hai algunha cuestión na que merece a pena deterse. E esta non é outra que o desexo do ser humano de mirar cara si mesmo, e de facelo a través de todo aquilo que nos poida explicar como especie, como membros dunha comunidade, cos nosos acertos e os nosos erros. Naquel mundo en branco e negro de 1963, aínda negrísimo para esta terra, naceu un facho de esperanza e un contedor de preguntas e respostas. O home sen preguntas é ben pouca cousa, e aínda o é menos sen esas respostas, ou cando menos sen a esperanza de acadalas.

Ese facho chamouse Grial, unha especie de caliz da inmortalidade que é a que sempre permite o intentar entenderse a un mesmo. Xa van cincuenta anos daquel primeiro número e se algo sabemos tras tantos exemplares na rúa é que a necesidade de preguntas e respostas segue sendo a mesma. De aí a vixencia dunha publicación que non elude a memoria, mergúllase no presente e devece por que o futuro emerxa cada vez máis limpo para todos nós, os verdadeiros protagonistas dunhas páxinas que aínda alumean con forza malia as tempestades. E mentres haxa lume abofé teremos preguntas e respostas.

Compartir na redes sociais: