Hai uns días decidimos botar a andar un concurso, a través de twitter, arredor de O Principiño, co gallo do feito, feliz, de que chegabamos á viséxima edición en galego, dende aquel afastado 1972 no que Carlos Casares, gran coleccionista de todo o que tiña que ver con este libro, decidiu verquelo á nosa lingua. Creamos o hastag #gustameoprincipiñopor un xoves á noite. Contra as 23 horas activábamolo, e marchamos durmir interrogándonos sobre que pasaría. E o que pasou foi que ao día seguinte estabamos abraiados, no mellor senso da palabra, diante da resposta, masiva, dada polos internautas dende todos os puntos do planeta.
Neste instante, hai centos de propostas que se ofrecen como merecentes do premio. Vai ser moi difícil escoller. E cada día chegan máis. E o comportamento viral, exponencial, global, propio desta rede de microtextos cativos pero ben expresivos, fai que esa participación sega a medrar sen límites.
A conclusión que tiramos de todo isto é que o Principiño segue a engaiolar, a namorar xeración tras xeración, que todo o mundo atopa un por que, un motivo, unha causa, para amar ao personaxe creado por Antoine de Saint-Exupèry. Que seguimos vendo a serpe dentro do sombreiro. E que sabemos que un baobab é moito máis ca unha árbore. E que se non sabes coidar dunha flor non podes aspirar a nada na vida.
Así de inmorrente é este libro que, como dixo Calvino dos clásicos, é un texto que ofrece sempre algo novo a cada época.